IV Festival dos Eidos na Serra do Courel

IV FESTIVAL DOS EIDOS

22, 23, 24, 25 e 26/08/2018 – Fundación Uxío Novoneyra, Parada, O Courel, Lugo

Este ano a Fundación Uxío Novoneyra acolle o programa máis extenso e ambicioso dos 4 anos de vida de este festival literario internacional.

O Festival dos Eidos chega á súa cuarta edición, neste final de Agosto de 2018, cunha nova programación de marcado perfil internacional e multidisciplinar, sempre coroado pola mellor poesía e música nas súas diferentes manifestacións.

Este ano o esforzo organizativo elevará a programación a 5 días de duración. Do día 22 ao 26 de agosto, e descentralizará a mesma ate 4 lugares diferentes, engadindo a fermosa aldea de Paderne ao circuíto do festival, xunto aos tradicionais lugares de Seoane, Moreda e Parada. Neste último, é onde se localiza a Fundación Uxío Novoneyra, espazo central da programación.

As poetas serán Olga Novo, a arxentina Tálata Rodríguez, Teresa Moure, Olalla Cociña, Xiana Arias, Celia Parra, Nieves Neira, o italiano Marco Paone, e os irlandeses Paul Casey, Ciaran MacArtain, Michael O Callaghan, Sue Cosgrave, Katy DArcy, Rosy OReagan e Julie Goo .

Na Música estará a electrónica de raíz de Baiuca, Pelomono, o proxecto spin-off de Guadalupe Plata, as Atrás Tigre, Marco Foxo, Sumrrá e Anier, acompañados por DJ´s como Tristón e Sergio Canay para pechar as veladas de cada noite da programación festiva.

No teatro estarán os portugueses Teatro da Madeira e o teatro de obxectos de Fantoches Baj E na danza a referencia mundial Hisako Horikawa. Tamén haberá un programa de audiovisuais que farán dialogar o documentario e a poesía con “Vértice de Versos”, “Versogramas” e unha selección de videopoemas seleccionados polos irlandeses do festival “Winter Warmer” de Cork.

Sucederanse as xa tradicionais  visitas guiadas a Casa-Museo de Uxío e ao Souto do Rubial para o avistamento de paxaros. Integraranse novas propostas como unha visita-descubrimento ao Souto da Rubial, conxunto arbóreo protexido, sobre os usos tradicionais das plantas autóctonas. A visita á Ferrería histórica celebrará o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Tamén haberá tempo para os profesionais  ligados ao feito literario e cultural, como a do investigador Jorge Linheira, que presentará o seu novo estudo sobre políticas culturais, ou a do profesor de Princeton, Germán Labrador, sobre Contracultura.

O programa completarase coa homenaxe a Carlos Oroza nos seus espazos, con degustacións da gastrocultura do mar e a montaña e moitas sorpresas mais.

O Festival Dos Eidos é membro da rede europea LITFEST.EU  de festivais literarios en zonas isoladas e co certificado co selo EFFE de festivais culturais de interese da Asociación de Festivais Culturais de Europa – EFA

eidosfest18_cartel_prog2-1