Estrea de Wöyza & The Galician Messengers

WÖYZA & THE GALICIAN MESSENGERS

31/10/2021 – Eidos de Outono, O Courel (Lugo)

Wöyza & The Galician Messengers parten dun repertorio tradicional no que fusionan xéneros e expresións contemporáneas como o soul, o gospel, o hip hop e a danza urbana co patrimonio musical e inmaterial galego.

Os primeiros temas foron presentados en directo en Frankfurt, Alemaña, no 2018 e agora, en 2021 na serra do Courel, o proxecto medra engadindo adaptacións de textos clave na memoria cultural de Galicia, afincados no territorio e o senso de pertenza a un lugar.

Ademais de “Ay Deus (Vou namorada)” do pergamino Vindel, “Unha noite na eira do trigo” ou ” Meu ruliño”, os Messengers suman “Campo Estrelado”, estreada en xullo en Galicia Futura (Cidade da Cultura) e “Cain as follas”. Esta última é a adaptación de Wöyza do poema de Uxío Novoneyra versionado por Emilio Cao; son versos dunha delicadeza máxima, os ritmos da terra, un proceso temporal no que participamos longamente, como a natureza se filtra en nós, atravesándonos.

A singular interpretación propia de Wöyza en fusión cos distintos estilos que dan forma a esta agrupación conseguen crear unha atmósfera única que actualiza a tradición, emociona e inspira.

The Galician Messengers son Wöyza, voz; Xulio Lorenzo, gaita, frauta, pandeireta; High Paw, baixo e coros; Jorge Juncal, teclados; María Faltri, pandeireta, percusión e coros; David Outumuro, batería; Yara Boombox, bailarina e coreógrafa.

Wöyza vén de ser nominada como Mellor Artista Urbana nos Premios Martín Códax da Música 2021.